Thursday 16 de May de 2024

Aberto o prazo de presentación de traballos para o IV Premio de Poesía Filomena Dato


· Os interesados e interesadas en participar terán ata o 28 de xullo para presentar os orixinais.

· O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e tamén se publicará o poemario ganador.

O Concello de Bergondo publicou onte, mércores 19 de abril, no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases do IV Premio de Poesía Filomena Dato, quedando así aberto o prazo para a presentación dos traballos.

Esta cuarta edición do certame pretende continuar co seu proceso de asentamento no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega Filomena Dato Muruais (1856-1926).

As persoas que desexen participar no concurso deberán presentar os seus orixinais na Casa da Cultura do Concello e a data límite de entrega será o 28 de xullo de 2023. Tras as deliberacións do xurado, o fallo e a entrega do galardón terán lugar no mes de outubro, coa presenza do autor ou autora da obra distinguida.

O premio, ao que poden presentarse libros de poesía inéditos e escritos en lingua galega cunha extensión non inferior aos 500 versos, ten unha dotación económica de 2.500 euros. A maiores, o poemario gañador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía.

Apiario será a encargada de coordinar o concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación das obras gañadoras (deseño, imprenta, distribución e promoción). Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, destacou que “o nivel de traballos das tres primeiras edicións foi moi alto e este ano, que aínda por enriba aumentamos a contía do premio para darlle máis valor ao certame, estamos seguros de que continuará a tendencia”. “Esta iniciativa para nós é moi importante xa que nos permite poñer en valor a figura de Filomena Dato, vinculándoa co traballo de muller e igualdade que vimos facendo desde o Concello”.